Para a escola

Materiais de aula

Para partilhar, arrumar e não perder ou esquecer nas gavetas

Vilamor

Escrito por mollatecoalingua 31-03-2014 en cinema. Comentarios (0)



Título orixinal:Vilamor

Ano: 2012

Duración: 112 min.

Director: Ignacio Vilar

Guión: Carlos Asorey, Ignacio Vilar

Música :Zeltia Montes

Fotografía: Alberto Díaz

Reparto: Rubén Riós, Sabela Arán, Mayka Braña, César Cambeiro, Xoel Yáñez, Paulo Serantes, Carlos Villa, Sheyla Fariña, Déborah Vukusic, Santi Romay, Tamara Canosa, Marcos Pereiro, Marta Lado, Uxía Morán, Rubén Prieto, María Roja, Santi Prego, Jorge Taboada, Noa Rodriguez, Mela Casal, Manuel Lourenzo

Produtora: Vía Láctea Filmes

Xénero: Drama | Anos 70

O filme cóntanos a historia dunha das comunas hippies (na aldea de Vilar) que no ano 1976 se estableceron no concello de Negueira de Muñiz (Lugo).

O encoro de Salime, no río Navia, ocupou terreos dos concellos de  Negueira de Muñiz, en Lugo, e de Grandas de Salime e Ibias, en Asturias. Debido á construción deste encoro moitos camiños desapareceron e as aldeas ás que só se podía acceder en barca foron quedando abandonadas. Algunhas destas aldeas foron recuperadas por comunas de hippies nos anos 70.

Aquí tes tres ligazóns onde poderás saber máis da historia que nos conta o filme.

Manuel Rivas

Praza Pública

El Ideal Gallego


Actividades:

XEOGRAFÍA E HISTORIA

En que aldea vive Breixo coa súa familia?

Sitúa nun mapa esta aldea, os lugares onde se rodou o filme e as aldeas onde se estableceron algunhas comuna hippies nos anos 70.

Localiza o encoro de Salime. Sabes o nome doutras aldeas galegas que ficaron asolagadas pola construción de encoros na ditadura franquista?

Se che interesa o tema, recomendámosche que vexas Asolagados. Podes encontrar información sobre este documental na seguinte páxina


Que sabes sobre o movemento hippy? Busca información sobre as súas características fundamentais, símbolos e onde xurdiu.

Que aspectos do movemento podemos ver no filme?

Dise que este movemento influíu no desenvolvemento do feminismo, do pacifismo e do ecoloxismo. Poderías explicar por que?

Investiga se aínda existen na actualidade estas comunas no concello de Negueira de Muñiz.

MÚSICA

En agosto de 1969 celebrouse o festival de Woodstock (tres días de paz e música).

Nesta ligazón da wikipedia (está en español) podes ver que significou este festival e todas as músicas que se cantaron eses días.


Nós seleccionamos estas músicas para escoitarmos na clase:

Janis Joplin: Cry baby (aínda que non fose tocada en Woodstock)

Jimi Hendrix, Hey, Joe.

Creedance Clearwater Revival; I put a spell on you.

Joe Cocker, With a little help from my friends.

Joan Báez, We shall overcome

Carlos Santana (terás que seleccionar ti unha)

The Who (terás que seleccionar ti unha)

Escoita algunhas outras músicas (destes músicos ou doutros do Woodstock) e selecciona unha para ouvirmos en clase. Traduciremos todas as músicas ao galego.

Coñeces algún festival de música que se faga hoxe en día en Galicia? Onde e cando?

LINGUA

No filme aparecen os trazos dialectais propios do galego oriental e doutras zonas da Galiza, xa que hai membros da comuna de distintos lugares).

Identifica algúns deses trazos dialectais e as personaxes que as usan.

Podes escoitar gravacións dialectais nesta páxina do Consello da Cultura Galega.


Literatura

Se che interesa o tema do filme podes ler a novela de Jaureguizar, Casa Skylab.


Forma parte da banda sonora do filme O sol da liberdade. A letra é un poema de Manuel Antonio. Busca este poema.

Que recordas da obra deste autor?

Escoita aquí O sol da liberdade


DEBATES

A partir do filme podemos debater nas aulas algunha destas cuestións:

O desenvolvemento sustentábel e as ecoaldeas.

O abandono do rural. Causas, consecuencias e solucións.

O aborto. A situación legal desde os 70 ata hoxe.


A lingua das bolboretas

Escrito por mollatecoalingua 26-03-2014 en cinema. Comentarios (0)

Material para usar depois (ou antes) de ver o filme. (Se premes nas palabras subliñadas en azul terás acceso ás ligazóns na rede)

Proposta de actividades da biblioteca do CPI de Curtis

A Guerra Civil na literatura galega

Literatura xuvenil:

Marina Mayoral, Tristes armas, Xerais, 1994.

Agustín Fernández Paz, Noite de voraces sombras, Xerais, 2002

Agustín Fernández Paz, Corredores de sombra, Xerais, 2006.

An Alfaya, A sombra descalza, Xerais, 2005.

Xosé Neira Vilas, Aqueles anos do Moncho, Arealonga, 1977

Para máis grandes:

Ramón de Valenzuela, Non agardei por ninguén, 1957.

Silvio Santiago, O silencio redimido, 1976.

Carlos Casares, Os mortos daquel verán, 1987.

Xosé Fernández Ferreiro, Agosto do 36, 1991.

Manuel Rivas, O lapis do carpinteiro, 1998.

Suso de Toro, Home sen nome, 2006.

Manuel Rivas, Os libros arden mal, 2006.

Riveiro Coello, As rulas de Bakunin.

Ensaio

Míguez Macho, O que fixemos en Galicia. Ensaio sobre o concepto de práctica xenocida . Premio ex aequo de investigación Alexandre Bóveda convocado pola Cátedra Alexandre Bóveda (Universidade de Vigo), 2009.

Podes lelo en Calameo se premes aquí

Moi interesante é o libro de Aurora Marco, Mulleres na guerrilla antifranquista galega, Laiovento, onde se lles dá voz ás mulleres silenciadas na historia da represión na Galiza. Seis das historias que aparecen no libro son as que Pablo Ces usou para o seu documental As silenciadas.

Documentais que podes ver na rede:

As silenciadas, Pablo Ces. Preme aquí.

Capítulo dedicado a Galiza  "La tempestad del 36", do documental La memoria recobrada (RTVE)


Outros materiais:

Proxecto Interuniversitario  "Nomes e voces". Dirixido por Lourenz

o Fernández Prieto e coordinado por Dionisio Pereira, Xulio Prada, Xosé M. Núñez Seixas e Emilio Grandío. Co proxecto Nomes e Voces elaborouse unha base de datos da represión con 14.978 nomes e realizáronse 404 entrevistas a fontes orais que se sumaron ás 108 donadas por investigadores e particulares. Fixéronse  22.340 dixitalización, delas 7.773 fotografías e elaborouse o máis completo mapa de lugares de represión franquista dos existentes no Estado español. O modelo de investigación, en concreto a base de datos, foi asumido por outras universidades do mundo, polo seu carácter innovador na recuperación da memoria.


Noticia de marzo de 2014, en Público

Movimento

Escrito por mollatecoalingua 07-10-2013 en Música. Comentarios (0)

Parece que o noso blogue na blogoteca vai ser difícil de recuperar...

Tentaremos recuperar todos os artigos que poidamos...

Para probar esta nova plataforma partillamos un vídeo e Aline Frazão. Coas letras.